Madrid asume a responsabilidade de organizar en 2018 as XII Jornadas de Institutos Históricos que nos encomendou a Asociación Nacional para la Defensa del Patrimonio de los Institutos Históricos o pasado mes de xullo en Murcia.
Os dous institutos encargados de levalas a cabo, Isabel la Católica e San Isidro, participaron dende o ano 2007 nas primeiras xornadas e foron membros fundadores da Asociación. Ambos os dous comparten a ilusión de que estas Xornadas manteñan o interese e o rigor que tiveron as celebradas ata o de agora e sirvan para impulsar a difusión, o coñecemento e a conservación do patrimonio educativo dos Institutos. O Instituto San Isidro, unha das institucións educativas máis antigas do noso país, herdeiro dos Estudios de la Villa e do Colegio Imperial, é un dos mellores expoñentes do recoñecemento da memoria da educación; e o Instituto Isabel la Católica é herdeiro do Instituto-Escuela, a institución que mellor representa a renovación educativa levada a cabo na España do primeiro terzo do século XX. Estas Xornadas teñen un significado moi especial para este último centro, xa que forman parte dos actos conmemorativos do centenario do Instituto-Escuela.
Mais hai outra conmemoración que nos afecta a todos: 2018 foi declarado Ano Europeo do Patrimonio Cultural. Esta será unha boa oportunidade para reflexionar ao redor das posibilidades que ofrece o noso patrimonio á hora de reconstruír a historia da educación española, pero tamén para ver os desafíos aos que nos enfrontamos na era do mundo dixital de cara a garantir a súa conservación nas condicións máis axeitadas e a súa utilización co alumnado para seguir dándolle un sentido xenuinamente educativo. Así mesmo, será unha oportunidade para seguir reivindicando a protección legal que precisa o patrimonio educativo.
As Xornadas celebraranse do 2 ao 5 de xullo e agardamos contar coa vosa presenza. Os que estamos a traballar na organización das xornadas estámolo facendo coa ilusión de que vos poidan ser da máxima utilidade.